Publicado por: paralaia | 15 Novembro 2012

Café Budapest

O pasado 5 de novembro reunímonos para comentar unha nova lectura, a primeira deste curso. O libro escollido foi Café Budapest, unha novela gráfica do asturiano Alfonso Zapico, que vén de gañar o Premio Nacional de Cómic 2012 do Ministerio de Cultura pola súa obra Dublinés, na que narra a vida de James Joyce e a súa relación con outros escritores. O autor de Café Budapest realizou este documentado traballo sobre un dos máis importantes escritores do século XX como bolseiro da Maison des Auteurs de Angoulême, cidade francesa onde se celebra un dos máis importantes Festivais Internacionais da Historieta.

Se queredes comprobar que supuxo para el o premio podedes entrar nos seus blogues (alfonsozapico.com, zapiburgotelegraph.blogspot.com.es) e ler a simpática historieta que debuxou, ou tamén botarlle un ollo a algunha das entrevistas que se lle fixeron as últimas semanas (por exemplo en tebeoesfera.com ou rtve.es). Este é un dos seus múltiples autorretratos:

Image

Volvendo a Café Budapest,

Image

Alfonso Zapico, que gusta dos narradores clásicos do XIX rusos e franceses, pretendeu reflectir na novela as vivencias duns personaxes que tiveron a mala sorte de nacer nun lugar e nunha época, cando menos, difíciles, e que viron as súas vidas rotas por feitos históricos como a Segunda Guerra Mundial e unha guerra local.

Entre as opinións dos membros do club predominan as favorables aínda que hai que recoñecer que dúas rapazas manifestaron que a lectura non fora do seu agrado e unha das razóns que apuntaban era o feito de que fose unha narración en imaxes. A continuación podedes ler dúas reseñas que convidan a pasar pola biblioteca e facerse cun exemplar (hai dous):

“A min o libro gustoume bastante, xa que explica de forma moi sinxela e amena como comezou o conflito entre Palestina e Israel. As personaxes están moi logradas e son moi reais, sobre todo gustoume Yaiza, pola súa personalidade, e Josef, o tío do protagonista.

Ademais, un punto ao seu favor é que está representado en forma de novela gráfica o que, ao non ser unha forma de lectura moi usual, fai que resulte un sopro de aire fresco.

En conclusión, é un libro que recomendo para xente que queira ler algo diferente.”

Sofía Portela Diéguez, 2º BACH A

Café Budapest fíxoseme doado de ler, non só polo feito de ser unha novela gráfica senón tamén polo tema que trata: a formación do estado de Israel e a historia que dentro se enmarca, unha historia de amor entre un xudeu e unha musulmá.

Recoméndoo.”

Gabriela García Blanco, 2º BACH A

Por último, agradecer ao IES 1º de MARZO de Baiona, e en particular á persoa encargada da biblioteca, que nos prestase os dez exemplares que precisabamos para realizar esta actividade.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: