Hoxe, tras innumerables aprazamentos por circunstancias varias alleas á nosa vontade, por fin tivemos sesión do noso club, desta vez para comentar a que será a nosa última lectura do curso 2015-16: a novela breve “A perla”, de John Steinbeck.
A verdade é que a obra non espertou moito entusiasmo: predominaba a sensación de estar ante un conto moi lineal ampliado en exceso… pero no curso do coloquio foron xurdindo algunhas valoracións que contribuíron a afondar na nosa lectura.
Por exemplo, agromaron relacións con obras tan populares como “O señor dos aneis”, nada menos! A reflexión sobre o poder -a través do anel ou da perla- e a riqueza como corruptores do ser humano parecían semellantes, e explicaban o final de ambas obras, coa destrución do obxecto máxico que ‘enganchaba’ aos protagonistas como unha droga que os arrastraba cara o ‘mal’ absoluto. É evidente a ton mítico do relato de Steinbeck, que tiña no lado negativo, como recoñeceron todos os participantes no debate, a simplificación de caracteres e certo maniqueísmo argumental. Pero, por outro lado, ese ton mítico, propio dos contos populares, expresaba -como todo mito- temas universais de gran calado moral que tiñan que ver coa desigualdade, a propiedade e o individualismo fronte á vida comunitaria, a riqueza e a súa capacidade corruptora e, polo tanto, ‘demoníaca’…
Por outro lado, non deixamos de notar certas semellanzas entre a comunidade de pescadores descrita por Steinbeck e a realidade máis próxima de vilas como a nosa, Moaña, durante moito tempo dependente da pesca como industria primaria. E, tamén como os protagonistas da obra, nós tamén sabemos o que significaba que un pescador analfabeto soñara con que o seu fillo fose á escola (adquirindo así o poder de ‘ler’ e entender as palabras dos libros).
As figuras do médico e do cura son representacións simplistas -como é propio dos contos-, pero moi acaídas, dos poderes do conquistador español: o saber letrado e o adoutrinamento relixioso. Son os poderes seculares con que se despoxou aos pobos indíxenas da súa cultura milenaria, dos seus recursos naturais e, en moitas ocasións, do seu modo de vida. E por desgraza, o despoxo aínda non rematou: é algo parecido ao que fan hoxe as nosas multinacionais…
En fin… a pesares de que era unha historia sinxela sacámoslle bastante xugo, non si?;)
Reblogged this on Mar de soños.
By: paralaia on 30 Maio 2016
at 21:09