O pasado luns, 22 de febreiro, pasamos un bo rato de conversa os membros do noso club de lectura, falando sobre a obra “La vuelta al mundo de un forro polar rojo”, de Wolfang Korn. O relato, que nos fala cunha perspectiva crítica pero moi documentada do consumismo, do comercio internacional e da globalización económica, utiliza como escusa a viaxe dun forro polar dende que se elabora ata que, despois de pasar pola vida do autor, remata nas mans dun inmigrante que o precisa para chegar ás costas españolas.
Así que, ao final, máis que falar do libro en si, rematamos falando de nós mesmos, da nosa vida, da nosa cotidianeidade e dos hábitos de consumo que nos identifican. Aproveitamos para afondar máis nas nosas reflexións a recente emisión dun programa de televisión que falaba da industria internacional do téxtil, introducindo nexos paradoxais entre o pulo que tivo no pasado en Galicia e o que ten agora nalgúns países do Sul… a costa da perda de emprego aquí de moitas mulleres. Notabamos como, ao mesmo tempo que a industria se deslocalizaba nos países empobrecidos, enriquecía aos grandes empresarios do sector, occidentais e moitos deles tamén galegos.
Varios dos que participamos no debate recoñecíamos as dificultades de loitar contra a maquinaria do consumismo, en particular se es novo e non atopas alternativas que parezan viables. A resposta, da man do consumo responsable, baséase sobre todo en reducir o noso consumo, pero tamén en reutilizar e en reciclar (recorrendo ao troco, ás tendas de segunda man…), así como en acudir a espazos de comercio xusto que garanten as condicións laborais nas que se produciu ese ben de consumo.
¡En definitiva, moito que falar e moito que reflexionar! Pero paga a pena cando a causa o merece, non si?;)
Reblogged this on Mar de soños.
By: paralaia on 2 Marzo 2016
at 21:44