Con moito atraso comezamos onte as sesións do noso club de lectura, no que este ano queremos adicar especial atención ao ámbito da ciencia-ficción. Desta volta tocoulle estrearse ao grupo dos maiores (os de cuarto da ESO), nada menos que cunha lectura de varios relatos de Asimov, un en formato texto e en galego (o titulado “Xuventude”) e os outros tres en castelán e en formato cómic (“Asnos estúpidos”, “Versos luminosos” e “Luz estelar”).
A verdade é que os xogos narrativos e intelectuais da ficción futurista de Asimov provocaron moito desconcerto e a interpretación dalgún dos relatos deu pé a máis dunha exclamación de sorpresa. Pero finalmente decatámonos de que Asimov non deixa de transmitir unha mensaxe de esperanza e confianza no ser humano nunha sociedade que prevé cada vez máis tecnificada -cos riscos que isto comporta-. Ante a crecente importancia das máquinas e dos robots, do desenvolvemento científico, Asimov nos alerta sobre o perigo de deixarnos deslumbrar pola perfección técnica, esquecendo o papel decisivo que xogan -e deben seguir xogando- a intuición, a arte, os sentimentos, a vida en toda a súa riqueza -non so no que atinxe a especie humana, senón abarcando todo o universo biolóxico-.
A verdade é que pasamos tamén un bo rato escoitando a Asimov nunha entrevista e ‘admirando’ as súas interminables ‘patillas’, de estética tan setentera. E completamos as reflexións que nos propuña nos seus relatos cunha curta sobre un futuro que esperamos que non chegue nunca, porque dá medo… E é que hai cousas onde a realidade virtual sempre estará a anos-luz do mundo real.
Reblogged this on Mar de soños.
By: paralaia on 20 Xaneiro 2015
at 18:23