O pasado luns 2 de xuño os membros do Club de Lectura de 3º de ESO, acompañados polas profesoras Gena e Cristina, participaron nun intercambio coas rapazas e rapaces do Club de Lectura do IES Álvaro Cunqueiro e os seus profesores Susana, José Luis e Teresa.
Comezamos a calorosa xornada na praza do Berbés, onde nos xuntamos todos para iniciar un percorrido polo casco vello seguindo atentamente as amenas explicacións de Susana. Camiñamos polas rúas polas que antigamente iría a muralla da cidade e paramos nos lugares onde estaban situadas as súas portas así como noutros sitios de interese, entre eles a biblioteca.
Xa de volta no Berbés, iniciamos a subida ao Castro pola rúa Poboadores e chegamos ao paseo de Alfonso. Logo de contemplarmos un chisco a paisaxe e facermos unhas cantas fotografías, cruzamos a rúa e unha escaleiras conducíronnos á praza do Concello, onde formamos grupos con alumnos dos dous centros. Cada grupo recibiu un plano do Castro e unha serie de preguntas cuxa resposta debían procurar nas distintas zonas e monumentos do parque. Coa primeira delas, contar os chanzos que nos levaban ao forte, puxémonos en forma.
A partir deste momento os participantes tiveron hora e media para resolver as cuestións e comer. Ás tres tiñan que estar na rotonda de entrada ao forte para comezar coas charlas sobre as lecturas preferidas de cada un, que se realizaron na terraza dunha cafetería próxima tomando uns xeados. Mentres falaban, as profesoras e profesores ían de grupo en grupo dinamizando un pouco o intercambio de opinións. O resultado non puido ser máis satisfactorio.
Á hora acordada, sobre as 5 da tarde, demos remate ás conversas e baixamos en dirección á Porta do Sol. Alí despedímonos ata o curso que vén. Nós collemos o barco de volta a Moaña e eles dirixíronse á praza do Berbés, onde os agardaba o autobús.
Aquí tedes as imaxes deste último día de festa, de encontros e de lecturas compartidas. Vémonos o próximo ano!:)
Nós aproveitamos tamén, mentres agardabamos polo outro centro comodamente sentados nas escaleiras da praza, para celebrar a derradeira sesión do club este curso, sobre O ceo dos afogados, de Francisco Castro. Unha novela que, en opinión da maioría dos membros do club, resultou repetitiva e sen acción na súa parte central, por un lado, e pouco verosímil polo feito de que os golfiños se comuniquen con algúns humanos e formen círculos en determinados lugares do planeta onde se contamina o mar. Os personaxes tampouco non lles resultaron atractivos, especialmente a coidadora dos golfiños, cuxo discurso lles pareceu fóra de lugar. En fin, unha mágoa, tendo en conta que hai outra novela do mesmo autor que ten moito éxito entre a rapazada, referímonos a Un bosque cheo de faias.
Deixar unha resposta