Publicado por: paralaia | 12 Maio 2014

“Retorno a Tagen Ata”

23484476

Desta vez atrevímonos coa célebre novela de Ferrín, que non resultou unha lectura doada. Tanto pola elaboración e a amplitude do vocabulario empregado polo autor como pola dificultade de percibir algunhas claves da lectura simbólica que habitualmente se ten feito desta obra, a maioría dos membros do club mostrou certo distanciamento ante a mesma. Neste sentido, resultou moi útil achegarnos ao contexto histórico reflectido -segundo os críticos- na novela a través do seguinte documental:

 

 

Tanto o documental como a obra de Ferrín deron pé a tratar a cuestión dos nacionalismos en xeral e do nacionalismo galego en particular. Aproveitamos tamén, en relación con esta cuestión e seguindo as suxestións implícitas na novela, para debater sobre as posturas máis ou menos ‘conciliadoras’ e as máis ‘radicais’ ou explicitamente independentistas. O tema resulta complexo e, certamente, constatouse certo distanciamento ante estes asuntos por parte dos membros do club, aínda que outras cuestións relativas ás problemáticas das relacións de Galicia co estado español (a lingua, a cultura, a enerxía e a economía máis en xeral) si despertaban un interese xeneralizado.

 

FerrinEn definitiva, non resulta fácil enfrontarse á obra dun gran escritor, especialmente cando interveñen aspectos lingüísticos, ideolóxicos ou políticos de considerable complexidade. Pero si coincidimos na progresiva perda de referentes especificamente galegos (comezando pola lingua) e nos condicionamentos que se impoñen desde fóra (o estado español, a Unión Europea, a troika,….) ao desenvolvemento da economía e da sociedade galega.

 

 


Deixar un comentario

Categorías