A nosa última sesión de lectura foi todo un experimento: a idea era repartir dúas lecturas entre os membros do club e despois confrontalas e comentar as coincidencias e as diferencias. Naturalmente, tiña que haber certa relación entre as obras escollidas. E as elixidas foron A chamada da selva, de Jack London, e A revolta dos animais, de George Orwell, que coincidían en ser grandes clásicos e en falarnos da relación entre os seres humanos e os animais.
Pensamos que o noso experimento foi todo un éxito. O debate prolongouse e deu para moito: as obras parecían complementarse e enriquecernos mutuamente. Oscilabamos entre a reflexión sobre o instinto ‘selvático’ que aniña en todos nós e a nosa responsabilidade na construción comunitaria dun mundo máis xusto (que implica, entre outras moitas cousas, un trato distinto, máis ‘humano’, no mellor sentido da palabra, para cos animais que conviven con nós no noso planeta, en particular os chamados animais ‘domésticos’).
Quizás o máis interesante foi comprobar a actualidade das dúas obras e a súa capacidade para falarnos da nosa realidade, así como dos perigos e dos posibles camiños para transformala na procura dun soño que, como dicía Silvio Rodríguez, “todavía non hai”.
Deixar unha resposta