Hoxe estivemos a comentar a obra que nos tivo a mar de entretidos durante as pasadas vacacións de Nadal: A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly. E non sei que nos gustou máis, lela o falar sobre ela;D
O caso é que a obra dá para charlar durante horas, e os temas son tan variados como atractivos: o coñecemento científico, a teoría da evolución, o darwinismo, os prexuízos machistas cara as mulleres científicas no século XIX (por desgraza non totalmente superados aínda), o papel da educación como vía para o noso crecemento persoal, o desenvolvemento tecnolóxico que vivimos e que empezou a acelerarse no século XIX, a natureza como espectáculo sempre a descubrir e a disfrutar…
Todo isto e moito máis xurdiu no decurso da conversación, ao fío da novela e das nosas impresións sobre o que alí se reflicte. Recoñecendo as distancias que nos separan de Calpurnia, atopamos tamén puntos en común, comezando por ese espírito do descubrimento, do achado que abrolla pola capacidade de maravillarnos ante o mundo que nos arrodea. E aquí onde reside, probablemente, o máis fermoso desta novela, nesa capacidade para sorprendernos, para observar a realidade con ollos de nena, de neno, que contempla o mundo como se o mirase por primeira vez e é quen, por iso mesmo, de atopar nesa fascinación a capacidade para descubrir aí diante o que ninguén atopara todavía…
Aquí tedes algunhas imaxes, para que vexades o ben que o pasamos (e iso que non levabamos lamberetadas para ‘amenizar’ a conversa;)
Eu paseino moi ben, pero como fun a fotógrafa non saio na foto… na próxima quedada sacádesme a min… e a poder ser con algo rico na man, a ver se nos animamos e traemos algo de sobremesa.
By: Sofía on 21 Xaneiro 2014
at 11:40
A charla do luns foi interesante. O que máis me chamou a atención da obra foi como unha nena de once anos pode estar tan interesada pola ciencia e ser capaz de razoar as cousas tan ben. Tamén foi interesante o tema das desigualdades entre homes e mulleres.
By: Andrea on 22 Xaneiro 2014
at 19:00
Andrea, tes razón con esa sorprendente capacidade de razoamento que amosa a nena. Penso que ten que ver con algo que se comenta insistentemente ao principio da novela, algo que non falamos o outro día e que é moi significativo. Refírome a un dos motores máis importantes da razón científica ao longo da historia: o ‘aburrimento’;D. Quero dicir que Calpurnia ten moitísimo tempo libre e abúrrese moito, porque non ten con quen compartilo. E cando te sobra o tempo libre e non tes compaña nin as distraccións ‘tecnolóxicas’ que temos hoxe, a razón e o pensamento abstracto ‘carburan’ a mar de ben. Seguramente por iso Newton tivo o seu ‘annus mirabilis’ cando tivo que marchar da universidade e se retirou á súa aldea durante unha longa tempada…
By: paralaia on 22 Xaneiro 2014
at 19:38
Si. Formación mínima necesaria e logo xa ves… nobres, xentes de familias acomodadas e monxes revolucionaron a ciencia…
Será que teremos que comezar a folgar máis?
By: Sofía on 24 Xaneiro 2014
at 16:37