O pasado 10 de maio celebramos a última sesión do curso co alumnado de primeiro ciclo. E, unha vez máis, engaiolounos unha fermosa historia de Agustín Fernández Paz.
A idea de ler Noite de voraces sombras xurdiu da posibilidade de acompañar o alumnado de 1º de ESO na viaxe extraescolar organizada para o 17 de xuño á illa de San Simón, espazo que traballaron no Proxecto Interdisciplinar. Buscamos unha lectura relacionada e … voilá! Nun mes estaba lida e todos dispostos para comentala, e para gravar o vídeo na illa.
A reunión, que tivo lugar, coma sempre, na biblioteca, foi moi participativa. As preguntas de comprobación de lectura axiña se resolveron e pasamos a realizar outras actividades. Unha delas foi buscar algunha das obras citadas na novela, por exemplo De catro a catro ou Veinte poemas de amor y una canción desesperada de Neruda, e ler algún fragmento.
Nun momento dado e coa espontaneidade que os caracteriza, comezaron a comentar como descubriran cousas dos seus avós que descoñecían, igual que a protagonista da novela. E é certo que ás veces vivimos rodeados de xente, incluso familiares, dos que non sabemos nada ou sabemos moi pouco.
A curiosidade das rapazas e rapaces levounos a tratar, sobre todo, o tema da represión fascista tras a Guerra Civil na comarca. Estaban asombrados de que algo así ocorrera tan cerca e eles non soubesen nada. En vista do seu interese, proxectáronse tamén fragmentos do documental Aillados.
Unha lectora quedou tan fascinada coa historia que exclamou: Ai, profe, oxalá me ocorrese a min algo así!
O día da visita á illa non tivemos moita sorte coa climatoloxía e non puidemos gravar as imaxes de todo o percorrido que fai Sara, a protagonista da novela, coa súa nai, nin os fragmentos correspondentes en cada lugar pero, co material recollido e as posteriores gravacións de texto feitas no instituto intentaremos montar un vídeo sobre Noite de voraces sombras. É unha tarefa que queda pendente para o próximo curso.
Non queremos rematar esta crónica sen amosar a nosa gratitude á biblioteca do IES Pazo da Mercé de As Neves, que nos cedeu varios exemplares da obra.
Deixar unha resposta