Xuntámonos o grupo de 2º da ESO pertencente ao club de lectura coa intención de intercambiar opinións sobre o libro Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo.
Agradecemos a colaboración do IES de Fene que puxo á nosa disposición varios exemplares, o que nos permitiu a lectura con comodidade.
Comezamos falando da diferenza entre mecanoscrito e manuscrito, que foi exposta con claridade por varias persoas.
Despois de facer distintas presentacións do libro por parte dos lectores, mergullámonos nas situacións que teñen lugar na novela. Intentabamos encontrar as xustificacións, adiviñar por que reaccionan dun xeito e non doutro e mesmo crear novos desenlaces.
Cada persoa escolleu o fragmento que máis lle gustou para ler en voz alta coidando a entoación, a dicción para que a voz mostrara a expresividade necesaria segundo a acción desenvolvida.
Unha das lectoras meteuse na pel de Alba, personaxe principal, e mentres os demais cuestionabamos as súas decisións, ela razoaba tratando de convencernos da súa maneira de actuar.
Intentamos cambiar o final pero a maioría chegamos á conclusión de que o final que ten o libro é o mellor.
Foi unha sesión moi interesante e xa estamos dispostos a unha próxima lectura!
Deixar unha resposta